xoves, 31 de maio de 2012

Construción dos composteiros para a horta

Seguimos a traballar na horta do IES. Chano piñeiro, e agora tócalle o turno á realización do composteiro.
Despois de ler algúns libros sobre o tema e consultar páxinas en internet, decidimos que polas reducidas dimensións do noso xardín o máis convinte era utilizar colectores plásticos como composteiros.
Decidimos ir á ferretería de Forcarei a comprar 2 colectores plásticos de cor negra de 95 L. de capacidade que, seguindo deseños atopados en internet, imos a convertir en 2 pequenos composteiros.
O proceso de construción dos composteiros se recolle no seguinte documento: Construción composteiro.pdf.
O tempo invertido na realización dos composteiros (unha vez recompilados tódolos materiais necesarios) foi de 2 horas.

sábado, 5 de maio de 2012

Construción do invernadoiro para a horta

colocando o invernadoiro na horta

Como xa indicamos na entrada anterior, a partires da metade deste curso estamos a manter unha horta e un xardín nun dos patios interiores do IES. Chano Piñeiro.
Foto detalle do invernadoiro En próximas entradas mostraremos un plano do xardín e da horta, con indicacións sobre a súa orientación, horas de sol, etc. Pero nesta entrada imos a escribir sobre o mini invernadoiro que construímos para a nosa horta.
Vista interior, con vista detallada dos arcos de aramePara protexer os cultivos máis delicados fronte á humidade ou o frío, decidimos construír un pequeno invernadoiro de aproximadamente a metade da extensión da nosa pequena horta.
Coa participación dos alumnos de 3º e 4º diversificación e aproveitando parte do material do que dispoñemos na aula taller (madeira de pino procedente de pallets, etc) e outro material comprado para a ocasión (plástico para invernadoiro e arame galvanizado de 4 mm de diámetro), construímos as partes do invernadoiro no taller e realizamos a montaxe no mesmo xardín.

Os listóns de madeira cortámolos coa serra circular e serras de costela e a unión dos listóns realizámola furando os listóns e colocando espigas de madeira con cola branca.
As dimensións aproximadas do invernadoiro son 2,5m de fondo, 1,7 m de ancho e 1m de alto, é dicir, duns 4 metros cadrados de superficie e un volume duns 3,5 metros cúbicos.

Os planos do invernadoiro en formato PDF, foron realizados co programa Qcad sobre ubuntu 10.4 e poden descargarse desde este enlace: Plano invernadoiro.pdf.

O custo do invernadoiro correspondeuse co precio do plástico e do arame galvanizado utilizado (o resto era material do que xa dispoñíamos no taller) e foi duns 11 euros.